Faleceu Francisco Fdez del Riego

Quen teña ido nalgunha ocasión á Biblioteca Penzol non poderá esquecer a aquel home sempre sentado ante a súa máquina de escribir e fumando o seu habano. Tampouco poderemos os vigueses esquecer o seu pousado andar, a súa figura en gabardina e con paraugas dirixíndose á súa casa ou ao seu lugar de traballo, rúa do Príncipe adiante. Don Paco  nacido no lugar de Vilanova de Lourenzá o 7 de xaneiro de 1913, foi un intelectual galeguista que desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e calado, recoñecido un tanto tarde, a prol da cultura galega e que continuou até os seus últimos meses de vida. O noso home sufriu persecución durante o franquismo mais sobreviviu e seguiu traballando arreo. Foi cofundador da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números. Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Ingresou en 1960 na Real Academia Galega  e en 1963 foi o impulsor do Día das Letras Galegas, suxerindo mesmo a súa data de celebración. Durante 47 anos dirixiu a Biblioteca de Fundación Penzol. No ano 1995 doou a Vigo a súa colección de libros que constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego. Presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001, recibiu case todos os galardóns que podía recibir como galego, merecíaos.   

Descanse en Paz


Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *

Puedes usar las siguientes etiquetas y atributos HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>